O Concello levará a cabo un sistema de compactación do arquivo municipal que multiplicará o espazo existente
Publicado por PP Narón en 29 - Abril - 2008
A Concelleira de Novas Tecnoloxías e Protocolo, Paloma González Cuevas, presentou hoxe en rolda de prensa o Proxecto de Compactación do Arquivo Municipal, que se levará a cabo nos vindeiros meses no Concello. O custe total desta actuación é de 80.000 euros, se ben a Xunta de Galicia acaba de conceder –a través da Consellería de Cultura- unha subvención que custeará o 50% do proxecto.
A actuación en cuestión consiste na instalación dun sistema de armarios móbiles a través de raís, que permitirá resolve-lo problema de espazo existente no arquivo municipal, ubicado no sótano da Casa Consistorial. Esta obra complétase coa instalación dun novo sistema de iluminación e a creación dunha zona de consulta de expedientes e documentación.
“Dende o goberno municipal pensamos que é unha labor prioritaria a conservación do noso patrimonio documental, incluida no noso arquivo municipal, que se encarga tamén de custodia-los expedientes administrativos de todas e cada unha das concellerías e unidades de xestión”, declarou a edil.
Segundo explicou Paloma González Cuevas, o arquivo xeral do Concello atópase na actualidade “prácticamente colapsado, con máis de 1.500 metros cadrados de estanterías que están ocupadas na súa totalidade”. A falla de espazo resolverase coa instalación do sistema compactador baseado en armarios móbiles sobre raís, o que permitirá contar con 1.500 metros lineais de estantería por cada 100 metros cadrados “solucionando de xeito instantáneo o principal problema do noso arquivo municipal, e garantindo o crecemento futuro do arquivo durante os vindeiros anos”, engadiu a Concelleira.
Na actualidade, o arquivo conta con máis de 6.600 unidades de instalación e máis de 700 libros, así como numerosos fondos do arquivo histórico. Durante o 2006, o arquivo municipal recibiu máis de 500 expedentes administrativos dos diferentes departamentos municipais, xa que é aquí onde deben terminar tódolos documentos administrativos nun prazo máximo de cinco anos. “Este procedemento supón unha saturación de documentación que obriga a adoptar medidas coma a que hoxe presentamos”, declarou González Cuevas.
O novo sistema de compactación de documentos permitirá resolver un problema de espazo para os próximos anos, ademáis de modernizar un arquivo que contén valiosa información sobre o Concello e a historia do municipio.
Narón, 28 de abril de 2008