A Concellería de Promoción Económica promove a II Gala do Comercio de Narón, que se desenvolverá o 15 de maio no Pazo da Cultura, con entrada gratuita
Publicado por PP Narón en 17 Abril 2009
A Concellería de Promoción Económica de Narón, dirixida pola edil Ángeles Díaz Pardo, organiza a II Gala do Comercio de Narón, que se desenvolverá o día 15 de maio ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. A entrada ó espectáculo será gratuita, para que tódolos veciños de Narón e comarca poidan coñece-las propostas do comercio de Narón.
O desfile consistirá nunha pasarela de modelos profesionais, que amosarán a colección de primavera-verán de home e muller. Poderán participar na Gala tódolos comercios do municipio, nas seguintes categorías: moda muller e home (casualwear, urban, prêt-à-porter), moda nupcial e de cerimonia, moda infantil, lencería, moda baño, roupa deportiva, zapatería e marroquinería, complementos do vestir, complementos da visión (ópticas), xoiería e reloxería.
Ademais, poderán colaborar perruquerías, salóns de estética e maquillaxe (para os modelos participantes), floristerías e invernadoiros (para o adorno floral do escenario e da pasarela, para os ramos de noiva e reparto de caraveis), axencias de viaxes, artigos de regalo e electrodoméstricos. Estes tres últimos, para regalar ós asistentes productos e servizos no sorteo final do desfile.
Aqueles comercios interesados en amosa-los seus artigos, que aínda non estean inscritos neste evento, poderán facelo no Concello. Poderán participar na Gala do Comercio tódolos establecementos de Narón, independentemente de pertencer ou non á Asociación de Comerciantes.
Narón, 17 de abril de 2009