O Plan de Emprego Experimental do Concello logra insertar á maioría dos alumnos inscritos nos seus cursos
Publicado por PP Narón en 17 Abril 2009
O alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, e a concelleira de Formación Laboral e Emprego, Paloma González Cuevas, entregaron onte os diplomas ós alumnos do Plan de Emprego Experimental “Construnar 09″, promovido polo Concello. Este programa foi deseñado especificamente atendendo ás demandas dos empresarios da comarca, e dos propios usuarios do plan. Deste xeito, o Concello promoveu un total de tres cursos (manipulador de alimentos, carretilleiro, e prevención de riscos laborais) que foron seguidos con éxito por 33 persoas.
Todas elas están xa traballando, segundo recordou hoxe a responsable de Formación Laboral, Paloma González Cuevas. A edil explicou que o compromiso do Concello coa Xunta (quen financia parte do programa) era acadar unha inserción laboral do 20% dos alumnos, algo que se superou con creces. Nestes intres, a porcentaxe de inserción é do 66%, xa que inicialmente se seleccionaron 50 persoas -preferentemente mulleres e persoas pertencentes a sectores que están sufrindo a crise, como a construción-.
O programa contou cun orzamento total de 47.500 euros (36.000 euros achegados pola Consellería de Traballo, e os 11.500 euros restantes foron achegados polo Concello de Narón).
Os cursos comezaron o 1 de decembro de 2008, e rematarán o 31 de xullo deste ano.
Narón, 17 de abril de 2009