Publicado por PP Narón en 12 Enero 2009
As concelleiras do goberno local, Angeles Díaz e Paloma González Cuevas, presentaron hoxe ós medios de comunicación o novo método de compactación do arquivo municipal, que permitirá aforrar espacio e gañar en funcionalidade. Trátase dun sistema de armarios móbiles que se desprazan a través de raís, co que tamén se consegue “mellora-la conservación dos documentos e facilita-lo traballo dos arquiveiros”, sinalou a primeira Tenente de Alcalde, Angeles Díaz.
Neste proxecto invertíronse un total de 80.000 euros, financiados a partes iguais entre o Concello de Narón e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A Concelleira de Protocolo –de quen depende o Arquivo-, Paloma González, destacou a importancia desta nova instalación, xa que o arquivo estaba practicamente colapsado debido á gran cantidade de documentos –preto de 12.000 expedientes- que se almacenaban neste lugar, situado no sótano do Concello.
Esta actuación permitiu dispor de 1.500 metros lineais de baldas en 100 metros cadrados, e nos vindeiros meses completarase coa habilitación dunha sala de lectura e o cambio da iluminación, para mellora-la consulta dos expedientes.
A edil de Protocolo explicou tamén que o Concello mantén contacto coa Facultade de Biblioteconomía e Documentación para que os alumnos poidan realizar prácticas non laborais no Arquivo. “Estamos intentando que todos os estudiantes que o desexen, poidan vir a botarnos unha man porque temos que pasar toda a documentación a definitiva”, sinalou Paloma González respecto ós expedientes que aínda están sen clasificar.
Na actualidade estase a levar a cabo un proceso de modernización dixital do Arquivo, a través do programa informático Albalá. O software permite almacenar toda a documentación do arquivo nun sistema informático, que nun futuro estará dispoñible en Internet para que os cidadáns poidan consulta-los fondos documentais sen necesidade de desprazarse ata o Concello.


.
.
.
.
.
.
.
.
Narón, 12 de xaneiro de 2009
Publicado en Ayuntamiento, Prensa | Etiquetado: Archivo Municipal, Ayuntamiento, Ángeles Díaz, Biblioteconomía, Consellería de Cultura, Paloma González, Prensa, Xunta | Deja un Comentario »
Publicado por PP Narón en 29 Abril 2008
A Concelleira de Novas Tecnoloxías e Protocolo, Paloma González Cuevas, presentou hoxe en rolda de prensa o Proxecto de Compactación do Arquivo Municipal, que se levará a cabo nos vindeiros meses no Concello. O custe total desta actuación é de 80.000 euros, se ben a Xunta de Galicia acaba de conceder –a través da Consellería de Cultura- unha subvención que custeará o 50% do proxecto.
A actuación en cuestión consiste na instalación dun sistema de armarios móbiles a través de raís, que permitirá resolve-lo problema de espazo existente no arquivo municipal, ubicado no sótano da Casa Consistorial. Esta obra complétase coa instalación dun novo sistema de iluminación e a creación dunha zona de consulta de expedientes e documentación.
“Dende o goberno municipal pensamos que é unha labor prioritaria a conservación do noso patrimonio documental, incluida no noso arquivo municipal, que se encarga tamén de custodia-los expedientes administrativos de todas e cada unha das concellerías e unidades de xestión”, declarou a edil.
Segundo explicou Paloma González Cuevas, o arquivo xeral do Concello atópase na actualidade “prácticamente colapsado, con máis de 1.500 metros cadrados de estanterías que están ocupadas na súa totalidade”. A falla de espazo resolverase coa instalación do sistema compactador baseado en armarios móbiles sobre raís, o que permitirá contar con 1.500 metros lineais de estantería por cada 100 metros cadrados “solucionando de xeito instantáneo o principal problema do noso arquivo municipal, e garantindo o crecemento futuro do arquivo durante os vindeiros anos”, engadiu a Concelleira.
Na actualidade, o arquivo conta con máis de 6.600 unidades de instalación e máis de 700 libros, así como numerosos fondos do arquivo histórico. Durante o 2006, o arquivo municipal recibiu máis de 500 expedentes administrativos dos diferentes departamentos municipais, xa que é aquí onde deben terminar tódolos documentos administrativos nun prazo máximo de cinco anos. “Este procedemento supón unha saturación de documentación que obriga a adoptar medidas coma a que hoxe presentamos”, declarou González Cuevas.
O novo sistema de compactación de documentos permitirá resolver un problema de espazo para os próximos anos, ademáis de modernizar un arquivo que contén valiosa información sobre o Concello e a historia do municipio.
Narón, 28 de abril de 2008
Publicado en Ayuntamiento, Prensa | Etiquetado: Archivo Municipal, Ayuntamiento, Paloma González, Prensa, Xunta | Deja un Comentario »
Publicado por PP Narón en 18 Abril 2008
Un grupo formado por nove alumnos da Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña realizaron onte unha visita ó Arquivo Municipal, situado no sótano do Concello. Durante o seu percorrido, os estudantes estiveron acompañados pola Concelleira de Formación Laboral, Emprego, Novas Tecnoloxías e Protocolo –de quen depende esta sección-, o arquiveiro municipal Andrés Pena, e a auxiliar de arquivo Anabel Bello.
A edil explicou ós futuros arquiveiros que o auxe demográfico, económico e social de Narón está a xerar un enorme volume de documentación, que fai que o Arquivo Municipal estea esgotando o seu espazo dispoñible, motivo polo cal dende o Concello xa se está a estudar unha solución a este problema, que pasaría pola compactación dos seus fondos.
“Temos que atender ós arquivos como se merecen”, dixo Paloma González Cuevas, destacando que as administracións esixen a este servizo público a máxima eficacia posible. A Concelleira expuso ós estudiantes o novedoso proxecto de compactación e dixitalización dos fondos documentais, que permitirá pó-lo arquivo ó alcance de tódolos cidadáns.
No transcurso da visita polas dependencias do Arquivo Municipal, os universitarios puideron coñece-los métodos de traballo diario para almacenar e clasifica–los documentos recibidos, que se inclúen nas fichas e carpetas correspondentes. Segundo apuntaron os arquiveiros do Concello, as cuestións que máis interese suscitaron ós estudiantes foron os documentos antigos –incluídos no arquivo histórico-, os libros de actas do Concello, e o censo.
Os alumnos estiveron acompañados tamén pola súa profesora da asignatura de “Arquivística” desta facultade –con sede no Campus de Ferrol-, María de las Nieves Peiró Graner. Esta visita forma parte dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Narón e a Universidade da Coruña
Narón, 18 de abril de 2008
Publicado en Ayuntamiento, Instituciones, Prensa | Etiquetado: Archivo Municipal, Ayuntamiento, Biblioteconomía, Paloma González, Prensa, UDC | Deja un Comentario »