O Alcalde de Narón, Xoán Gato, e o Concelleiro de Obras Públicas, Carlos Díaz Ramil, reuníronse hoxe en A Coruña co xefe da Demarcación de Estradas de Galicia -dependente do Ministerio de Fomento-, Angel del Río. Este encontro foi definido polo rexedor como “moi satisfactorio”, xa que se aceptaron algunhas das propostas prantexadas polo Concello.
A principal é que se construirá, na conexión entre a Estrada da Trincheira e o ramal da AP-9 en A Gándara, unha rotonda que permitirá regula-lo tráfico e incrementa-la seguridade viaria da zona. “Este é o maior logro conseguido na entrevista de hoxe, e que resulta moi importante xa que neste punto conflúe un polígono comercial e varios núcleos de poboación moi poboados”, sinalou o edil de Obras Públicas. A actuación completarase coa instalación de semáforos con pulsador, para mellora-las condicións de tránsito dos peóns.
Para facer posible esta actuación, o Concello destinará preto de 50.000 euros a dita obra e unha cantidade similar para actuacións complementarias nas zonas anexas ós ramais de A Gándara e Xuvia. “O Concello está disposto a aportar 100.000 euros para arranxa-los danos colaterais desta obra”, explicou o Alcalde. Tamén se actuará nas rúas que rodean ós ramais, coma as de Bispo Argaia ou Concepción Arenal, nas que se realizarán traballos complementarios de mellora.
Respecto á rotonda da estrada de Castela á altura de Megasa -feita fóra do eixo principal da vía-, os responsables de Fomento non teñen intención de rectificala, segundo lle fixeron saber hoxe ó Concello. Os políticos locais tratarán de consegui-la titularidade desta estrada para poder encargarse do seu mantemento. “Esta glorieta en principio seguirá onde está pero nós, cando teñamo-la titularidade da estrada, traballaremos para arranxar esta situación”, indicou o responsable de Obras Públicas de Narón, Carlos Díaz Ramil.
Ademáis, os representantes municipais presentaron hoxe ó Delegado de Fomento en Galicia un informe sobre as deficiencias no entorno dos ramais de A Gándara e Xuvia, que foi recollido por Angel del Río. Neste documento figuran actuacións que sería preciso realizar en distintos puntos do municipio, como na zona da Rúa Bispo Argaia, no Colmeote e Catro Camiños, en Longras ou en O Couto. Neste último vial, segundo recolle o informe redactado por técnicos municipais, habería que remata-las beirarrúas e servizos no entronque da variante coa rúa Souto Vizoso, repara-lo vial de acceso ó paso inferior e suprimi-lo paso a nivel de RENFE, e realizar unha protección das tuberías de abastecemento na súa entrada á ponte de A Picota.
En O Ponto solicítase a Fomento o pintado de dous pasos de peóns a ambos lados da glorieta da Estrada de Castela, e advírtese das reducidas dimensións da ponte da Estrada da Gándara (que incumpre os anchos de paso peonil e resulta case inaccesible a minusválidos).
En resumen, dende o Concello solicitouse a Fomento a revisión da sinalización viaria nas zonas anexas ós ramais, a instalación de barandas protectoras no entorno dos accesos, o cumprimento da lei de accesibilidade nas rampas de acceso ás beirarrúas (incumpren anchos e pendentes), a reposición total da iluminación e a reparación de desperfectos (como gretas en beirarrúas e pavimentos).
O Alcalde anunciou que os 50.000 euros habilitados para obras complementarias adicaranse a algunhas destas actuacións, xa que Fomento non ten pensado, polo de agora, facerse cargo destes traballos adicionais. Gato tamén lle expresou ó responsable da Demarcación de Estradas o seu malestar polo feito de que Fomento non cuide os talúdes da autoestrada ó seu paso por Narón “e tampouco nos permita a nós actuar aí. O ano pasado tivemos que amenazar con multalos se non adecentaban a entrada ó municipio, e agora estamos nunha situación similar”, explicou.
Aínda con todo, o primeiro edil sinalou que actualmente Narón “é un dos concellos mellor comunicados de toda Galicia, e cando rematen as obras de construcción da autovía Transcantábrica o será aínda máis”, finalizou.
Narón, 13 de maio de 2008