A Concelleira de Formación Laboral e Emprego, Paloma González Cuevas, mantivo hoxe unha xuntanza coa delegada provincial da Consellería de Traballo da Xunta, María Debén. Á reunión, celebrada en A Coruña, asistiu tamén o Alcalde de Narón, Xoán Gato, quen apoiou á edil de emprego nas súas iniciativas.
González Cuevas destacou a boa sintonía mantida entre ambas administracións, e explicou que a entrevista tivo como obxecto “manter unha primeira toma de contacto para establecer unha serie de cuestións nas que se pode colaborar, para mellora-la formación e reduci-lo índice de paro en Narón”.
Os representantes do Concello e da Xunta coincidiron en que un dos puntos estratéxicos no cal se debe incidir é no sector das mulleres, orientándoas na búsqueda de emprego e apoiándoas na formación laboral.
Outro dos temas tratados nesta reunión foi a capacidade industrial deste concello e a necesidade de potenciar esta cualidade. “Queremos coñece-los problemas e as demandas das empresas, para buscar solucións en materia laboral. Para iso temos a unha axente de emprego contratada a través dunha subvención da Xunta, que traballa nesta idea visitando os polígonos industriais nos que se ubican a maioría das empresas de Narón”, dixo.
A Concelleira de Formación Laboral e Emprego engadiu que o Concello estudiará a posibilidade de realizar formación especializada de parados, a través de programas subvencionados pola Xunta de Galicia. A responsable de Formación Laboral e Emprego e o Alcalde de Narón entregaron á Delegada Provincial de Traballo un dossier no que se recollen as accións levadas a cabo durante o pasado ano no Concello sobre esta materia, e tamén a programación en marcha e pendente de adxudicación.
Neste último apartado, o Concello está á espera de que a Xunta conceda a financiación necesaria para a contratación de desempregados nas seguintes áreas: servizos turísticos, servizos culturais e animación sociocultural, conservación de espazos naturais e lugares de interese comunitario, reparación de beirarrúas e de pistas polideportivas e edificios municipais, e obras de mellora en alumeado en viais, prazas e espazos públicos, entre outros.
Neste ano 2008 impartiranse en Narón seis cursos do Plan FIP -financiado pola Consellería de Traballo, algún deles xa en marcha- correspondentes ás seguintes especialidades: Albanel, Electricista, Electronicista, Caldeireiro Tubeiro, Carpinteiro, e Auxiliar de Axuda no Fogar.
Finalmente, os políticos locais convidaron á delegada de Traballo a visitar Narón para coñecer de primeira man a realidade laboral e a capacidade industrial deste municipio.
Narón, 15 de maio de 2008