A Concellería de Novas Tecnoloxías de Narón, a cargo da edil Paloma González Cuevas, ten xa ultimado o programa de conferencias que se inclúe dentro do primeiro Fin de Semana Tecnolóxico ‘Naronline 2008’. En total serán sete charlas as que se pronunciarán nos tres días que durará o evento, previsto para o 18, 19 e 20 de Xullo.
Na tarde do venres 18 está prevista a celebración de dúas conferencias. A primeira delas correrá a cargo de Xavier Lleixá Rillo, da firma Netgear, quen pronunciará ás 19 horas unha charla baixo o título “O teletraballo feito realidade”. A continuación, ás 21 horas, será o turno de Iñaki Cirión Serrano, de Kónica Minolta, quen falará sobre “A estratexia documental na empresa galega”.
O sábado 19 haberá charlas durante a mañá e a tarde. A primeira delas será ás 11:00 horas, a cargo de David Cabrero Souto, profesor da Facultade de Informática da Universidade de A Coruña (UDC). O título desta conferencia é “Accesibilidade nos Sistemas de Información”. Ás 13 horas está prevista a intervención de Carlos Ezquerro, de NETEX, en representación da Fundación Rio do Pozo, quen disertará sobre “O e-learning e a mobilidade”.
Na tarde do sábado intervirá Cristina López Ferro, do Grupo Artabria e tamén en representación da Fundación Rio do Pozo, para falar de “O sector madereiro: unha solución”. Será ás 19 horas. E xa para finalizar esta xornada, ás 21 horas intervirá Francisco Javier Taso Santín, de GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux), cunha ponencia titulada “El izquierdo de copia: camino de la libertad”.
O ciclo de conferencias clausurarase na xornada do domingo 20, coa intervención do subdirector da edición dixital de La Voz de Galicia, Carlos Agulló Leal. Ás 11:00 horas impartirá unha conferencia baixo o título “lavozdegalicia.es. Una experiencia digital. Nuevas formas de comunicación”.
Todas as charlas se desenvolverán no Auditorio Municipal, e están abertas ó público en xeral e tamén ás empresas.
Naronline inclúe, ademáis, unha Party informática, obradoiros e concursos temáticos con 12.000 euros en premios –aportados polas firmas comerciais que patrocinan este evento-. En próximos días ampliarase esta información, e darase a coñece-lo listado de premios, ós que se poderá acceder a través de xogos, concursos e tamén por sorteo.
Narón, 11 de xullo de 2008

