ANTECEDENTES
A Lei de Costas foi elaborada e aprobada polo goberno socialista de Felipe González (co voto favorable do PP), no ano 1988. (Lei 22/1988 de 28 de xullo, de Costas – BOE nº 181, de 29 de julio de 1988).
Vinte anos despois, a Administración Central aínda non ten rematado o proceso de deslinde da costa galega.
Pero no proceso de aplicación práctica, estanse a revelar insuficiencias da lei que provocan situacións moralmente inxustas para os afectados, dado que no momento da súa aprobación non se tivo en conta a realidade existente en Galicia: nin a existencia dos núcleos rurais, nin as nosas formas de asentamiento poboacional ao carón do mar.
En relación co recoñecemento dos NÚCLEOS RURAIS do litoral, que afecta fundamentalmente a Marín, pero tamén a varios concellos mais de costa, o goberno anterior do PP tentou dar respostas, e aprobou o Decreto 158/2005, que resolvía e daba cobertura legal a aqueles casos que moralmente e en xustiza reclamaban unha solución dos lexisladores. Decreto que foi recorrido polo goberno socialista de Zapatero, sen que ata o momento, nin o goberno central, nin o da Xunta, foran capaces de dar algunha outra solución.
Aínda así, o PP tentou dende a oposición implicar ó goberno bipartito, e presentou varias iniciativas parlamentarias que foron rexeitadas: unha Moción, consecuencia dunha interpelación á Conselleira Caride, unha proposición non de lei, unha proposta lexislativa para presentar ante o Congreso dos Deputados, e mesmo aprobamos sen reservas unha iniciativa conxunta do BNG e do PSOE, aínda que nos parecía un brindis ao sol.
A esta problemática xúntase agora a que resulta da aplicación dos DESLINDES de Costas da Administración do Estado: o espirito do lexislador, sen dúbida nunca puido prever que o grao de afección fose tan elevado como vai a se-lo caso en Galicia, e por iso o PP entende que o sentido común e o espirito de xustiza recomendan iniciativas encamiñadas a dar solución a aqueles afectados que tivesen actuado de boa fe e dentro da legalidade.
CONCEPTOS BÁSICOS NA LEI DE COSTAS
1.- Dominio Público Marítimo-Terrestre
A lei de costas ten por obxeto a determinación, protección, utilización e policía do dominio público marítimo-terrestre, e especialmente da ribera do mar.
A lei define nos artigos 3, 4 e 5 os bens que constitúen o dominio público marítimo-terrestre e sinala que son inalienables, imprescriptibles e inembargables.
Para a determinación do dominio público marítimo-terrestre practicaranse pola Administración do Estado, os DESLINDES.
No dominio público marítimo-terrestre non se admiten máis dereitos que os de uso e aproveitamento, e non poderán existir terreos de propiedade distinta da demanial do Estado (agás os que se adscriban as Comunidades Autónomas).
Ünicamente se poderá permiti-la ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación.
2.- Limitacions da propiedade sobre os terreos contiguos á ribera do mar por razóns de protección do dominio público marítimo-terrestre
- Servidume de Protección
Recaerá sobre unha zona de 100 metros medida terra adentro dende o límite interior da ribera do mar. Poderá ser ampliada por acordo Estado-Comunidade Autónoma-Concello correspondente, ata outros 100 metros.
Usos permitidos: con carácter ordinario, só se permitirán as obras, instalacións e actividades que pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación ou presten servizos necesarios ou convienientes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas.
Nos terreos clasificados como SOLO URBANO á entrada en vigor da presente lei, a largura da servidumbre de protección será de 20 metros. (Por iso a solución do Goberno autonómico do PP de considerar os núcleos rurais como solo urbano, era para que se lles poidese aplicar esta largura de protección de 20 metros e non de 100, que é a causa dos problemas).
Asi mesmo, poderanse autorizar novos usos e construcións, de conformidade cos plans de ordenación en vigor, sempre que se garanta a efectividade da servidume e non se prexudique o dominio público marítimo-terrestre.
- Servidume de Tránsito
Recaerá sobre unha franxa de 6 metros que estará permanentemente expedita para o paso público peonil e para vehículos de vixiancia e salvamento. En lugares de tránsito difícil ou perigoso, a dita largura poderá ampliarse no que resulte necesario, ata un máximo de 20 metros. Esta zona poderá ser ocupada para a execución de paseos marítimos.
- Servidume de Acceso ao Mar
A servidumbre de acceso público e gratuito ao mar recaerá sobre os terreos colindantes o u contiguos ao dominio público marítimo-terrestre, na lonxitude e largura que demanden a natureza e finalidade do acceso.
Serán os plans e as normas de ordenación territorial e urbanística do litoral as que establezan a previsión de suficientes accesos ao mar e estacionamentos, fóra do dominio público marítimo-terrestre. (Cada 500 m. máximo os de tráfico rodado, e cada 200 m. os peonís).
PROBLEMÁTICA EN GALICIA
En Galicia, a aplicación práctica da Lei de costas está a xerar unha doble problemática:
1.- En primeiro lugar, a que ten que ver co recoñecemento da figura dos “núcleos rurais” existentes antes de 1988 (e non declarados como tales antes da entrada en vigor da lei):
Os núcleos rurais constitúen unha particularidade de Galicia, recoñecida na nosa lexislación autonómica, resultado da dispersión rural da poboación galega e das formas tradicionais de asentamento e de agrupación das vivendas. Pero é evidente que moitos deles non poden ser calificados como núcleos urbanos cos criterios da lexislación do Estado. E por iso se lles imposibilita non só reduci-la franxa costeira de protección de cen a vinte metros, senon a posibilidade, baixo determinadas condicións, de autorizar usos que, con carácter xeral , están prohibidos na dita franxa e, mesmo, que poidan ser autorizadas obras de conservación e mellora nas edificacións que resultan contrarias á lei,pero que foron legalmente construídas antes da súa entrada en vigor.
Todo o cal está a xerar moitos problemas no concello de Marín, pero tamén noutros municipios como a Illa de Arousa, Ribeira, Vilaboa, e outros con expedientes abertos de multas e mesmo con ordes de demolición.
2.- A que se deriva da propia aplicación dos deslindes de Costas do Estado, que inclúen como zonas de dominio público marítimo-terrestre moitas zonas que están urbanizadas e con vivendas construídas de boa fe, que agora son “expropiadas” a cambio de permitir-lo seu uso por 30 anos prorrogables a outros 30, sen outra indemnización.
Resulta, ademais, que moitas delas estaban hipotecadas, pero o non ser consideradas propiedade e ordena-los rexistradores o seu cambio de titularidade, os bancos poden resolve-las hipotecas esixindo a súa devolución íntegra.
IDEAS E PROPOSTAS DO PP
Unha aplicación literal das leis non pode ir en contra do sentido común.
Non se poden eliminar sen máis situacións preexistentes, senon que se deben buscar solucións, que, sen vulnera-lo espírito básico das leis, den garantías xurídicas a cidadáns que non teñen infrinxida ningunha lei.
Compartimo-lo espíritu da lei de costas e a necesidade de poñer orde no crecente proceso de urbanización, pero cremos necesario compatibilizalo co respecto ós dereitos adquiridos legalmente.
En relación co recoñecemento dos núcleos do litoral, o Partido Popular apoiará calquera nova proposta do goberno da Xunta e/ou de Madrid que resolva o problema dos veciños e veciñas de Marín, e doutros concellos afectados. Pero case catro anos despois sen que o goberno teña unha solución para os núcleos do litoral, nós vamos a seguir traballando e aportando propostas con ánimo construtivo.
Así, presentaremos nos próximos días, unha proposición de lei para a súa remisión ao Congreso dos Deputados, na que se insta a modificación da lei de costas e unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia, na que tamén plantexaremo-la posibilidade de revisión dos deslindes de Costas feitos en Galicia.
Narón, 18 de outubro de 2008.