O Concelleiro de Transporte Público de Narón, Serafín González Pena, enviou un escrito á Dirección Xeral de Transportes da Xunta de Galicia en resposta á decisión do goberno autonómico de incrementa-lo prezo do billete de autobús sen previo aviso. O edil naronés considera que a Dirección Xeral de Transportes leva tres anos incumprindo os compromisos que adquiriu cos concellos ó asina-lo Plan de Transporte Metropolitano, que lle obligaba a reunir á Comisión de Seguemento -formada polos concellos que integran este convenio de transporte- antes de adoptar decisións coma esta.
O Concelleiro de Transporte Público enviou unha carta a este organismo autonómico logo de coñece-los plans da Dirección Xeral de Transportes que pasan por subi-lo prezo do billete ós viaxeiros con mínimo de percepción de 0,71 a 0,72 euros a partires do vindeiro 13 de abril. Serafín González lembra que o convenio en vigor especifica na cláusula 4 de estipulacións –no seu apartado 1, sobre política tarifaria- que “tanto as achegas das administracións como a tarifa mínima aplicable na área poderán ser actualizadas anualmente, segundo os criterios de actualización de tarifas fixados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, pero previa análise e proposta da comisión de seguemento deste convenio”
Ademais, Serafín González criticou a suba da aportación dos concellos a este Plan de Transporte “decidida tamén, unilateralmente e sen comunicación, pola Dirección Xeral e que o Concello de Narón rexeitou pola súa ilegalidade”, di o texto do escrito. Ante esta situación, o edil de Transporte manifesta a súa vontade de manter “unha xuntanza urxente co novo equipo directivo da Dirección Xeral de Transportes, para tratar de impulsa-lo Plan de Transporte Metropolitano na comarca de Ferrol. Tamén reclamamo-lo cumprimento dos acordos do Plan asinados no ano 2005 e aínda sen cumprir pola Dirección Xeral de Transportes, e a retirada da proposta da Xunta que, ó noso xuizo, consolida un escenario no que os concellos que non sons cabeceira de comarca son tratados inxustamente”, conclúe a carta enviada polo delegado de Transporte de Narón.
Narón, 17 de abril de 2009