O Alcalde de Narón, Xose Manuel Blanco, e a tenente de Alcalde, Angeles Díaz, ofreceron unha rolda de prensa para informar sobre a negativa da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar Social da Xunta de Galicia a subvencionar a Escola Infantil Municipal (EIM) da Gándara, aberta o 19 de novembro de 2007. O goberno municipal non comparte a decisión de Vicepresidencia xa que dende o Concello de Narón se presentou a debido tempo a correspondente solicitude “e a denegan alegando que non teñen cartos”, sinalou Angeles Díaz.
A Tenente de Alcalde non entende como o goberno autonómico pode dar esta resposta “cando acaban de gastar unha cantidade importante en publicidade nun xornal de tirada diaria. Este tema é coma o da Lei da Dependencia, non hai diñeiro para prestar os servizos pero sí para facer propaganda dos mesmos”, dixo.
Angeles Díaz tampouco comparte a decisión de Vicepresidencia de subvenciona-las outras dúas EIM de Narón -situadas na Solaina e Piñeiros- e deixar á da Gándara sen financiación. “Non podemos permitir unha discriminación dos veciños de Narón respecto a outros concellos, pero tampouco entre si, simplemente por cuestións de residencia”, declarou.
O Alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, explicou que a Xunta tamén está a reduci-la subvención que concede ás EIM xa abertas en Piñeiros e na Solaina. “No 2008 baixaron a achega de 76.000 euros a 58.000, e agora seguen a reducila, xa que tan só nos conceden 54.000 euros anuais por cada centro”. Blanco explicou que o Concello ten que facer un grande esforzo inversor nestes servizos, financiando o seu mantemento ademais de cede-las parcelas sobre as que se construiron estas escolas infantís.
A negativa da axuda solicitada polo Concello para a EIM da Gándara foi calificada pola Tenente de Alcaldía, Angeles Díaz, coma “un castigo ós concellos que fan o maior esforzo inversor, como é o caso de Narón. Non existe na comarca ningún outro municipio con tres escolas infantís municipais”, engadiu.
O Concello ten previsto enviar un recurso de reposición á Vicepresidencia da Xunta xa que, polo momento, non foi posible establecer unha comunicación oral cos responsables do servizo. O Alcalde criticou o feito de que a Xunta non colabore no mantemento da EIM da Gándara alegando que non dispón de cartos, e pola contra se fagan viaxes a Cuba, e se gaste o diñeiro en teléfonos, coches oficiales e reformas de despachos oficiais.
Xose Manuel Blanco tamén aproveitou para lembrar que o Concello leva dende o mes de maio do 2008 á espera dunha resposta á oferta feita ante Vicepresidencia, para construir unha residencia de maiores -con preferencia para persoas enfermas de Alzheimer- “e aínda non nos contestaron se lles interesan os terrenos e o proxecto”, dixo.
Narón, 12 de febreiro de 2009